A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a 16 anos de cárcere a un home que, en 2015, cando tiña 74 anos, agrediu sexualmente, de forma continuada, a unha nena de 12 anos e que, ese mesmo ano, abusou, nunha ocasión, da irmá da vítima, de 10 anos. O tribunal considera probado que abordou ás menores, de nacionalidade estranxeira, cando xogaban preto dun parque infantil de Lugo. “Sendo consciente da súa curta idade, e con ánimo de satisfacer os seus desexos libidinosos, as enganou despois de charlar con elas, con comentarios das distintas razas e nacionalidades, os seus costumes e relixións, e convenceunas para que o acompañasen ao seu domicilio, comprándolles previamente unhas lambetadas”, indica o tribunal na sentenza.
Os maxistrados consideran probado que ese día realizou actos de carácter sexual cunha das menores, os cales se repetiron en días posteriores, e que bicou na boca a súa irmá. Despois, segundo o fallo, deulles 20 euros, os cales entregaron aos seus pais. O tribunal salienta que o procesado se aproveitou “da situación de vulnerabilidade da menor que, ademais, se atopaba en proceso de adaptación cultural en España”.