A Audiencia de Lugo condena a dez anos de cárcere a un acusado de agredir sexualmente a unha menor nun inmoble

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a dez anos de cárcere a un home por agredir sexualmente a unha menor de idade, a cal na data dos feitos -finais de 2018 ou principios de 2019- contaba con 14 anos. O tribunal tamén lle impuxo ao acusado, que tiña 18 anos, a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima por calquera medio durante vinte anos e dez anos de liberdade vixiada, posteriores á pena privativa de liberdade.

Os maxistrados indican na sentenza que o investigado e a menor, os cales eran amigos, acordaron, “aínda que por indicación do condenado, argumentando que facía frío”, dirixirse ao interior dun inmoble situado en Lugo. Unha vez no interior, segundo consta na resolución, comezou a bicala na boca, en contra da súa vontade, e, a pesar da resistencia física mostrada por ela, agarrouna polos brazos e a cintura para retela. Despois, segundo relata a Sala, desprazouna, pola forza, polas escaleiras do inmoble, ata o relanzo, onde a violou.

O testemuño da vítima resultou “plenamente crible” para o tribunal, que cualificou a declaración como “lóxica, clara, firme, coa debida convicción, con ausencia de contradicións e lagoas”. Ademais, salienta que tamén quedou acreditado o requisito da persistencia na incriminación, pois mantivo, ao longo do tempo, a mesma versión, sen modificacións nin alteracións.

A Sala, ademais, entende que se probou -a pesar da súa negativa- a presenza do procesado na cidade de Lugo no nadal do ano 2018, cando sucederon os feitos. Contra a sentenza cabe presentar recurso.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com