A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condena a dous anos de cárcere a un home que incendiou o edificio no que residía despois de que o seu caseiro e propietario do inmoble, quen tamén vivía nel xunto á súa familia, lle enviase unha carta certificada reclamándolle o pago dunha serie de rendas e o apercibise cun desafiuzamento en caso de falta de pagamento.
O tribunal considerouno autor dun delito de incendio e tivo en conta as atenuantes de reparación do dano e de actuar baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Os maxistrados indican na sentenza que o procesado prendeu lume á roupa de cama da súa habitación “movido polo ánimo de vinganza cara ao seu caseiro e consciente de que había máis persoas no edificio”. Tras iso, abandonou o inmoble e foise “á terraza do bar situado xusto enfronte” e tomouse “tranquilamente unha cervexa” mentres os seus veciños baixaban das súas casas ao cheirar o fume e chamaban ao 112.
A reparación dos danos causados no edificio ascendeu a 9.901 euros, cantidade que abonou o condenado antes do xuízo. O tribunal entende que o día dos feitos o sospeitoso se atopaba en estado de embriaguez.