A Audiencia de Lugo condena a prisión permanente revisable á muller que asasinou á súa filla en Muimenta

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, a prisión permanente revisable á veciña de Muimenta (Lugo) que asasinou á súa filla de sete anos durante a madrugada do 3 de maio de 2019. A vítima, segundo a sentenza, careceu de calquera posibilidade de defensa (aleivosía por desvalemento), debido á “absoluta desproporción entre as posibilidades de agresión ou ataque á nena e a súa agresora”. Ademais, segundo salienta a maxistrada presidenta, hai que ter en conta as circunstancias en que se produciu o ataque, pois a nena se atopaba “durmindo a soas coa súa nai na súa habitación e probablemente adormecida pola Trazodona que lle subministrou”. O instinto levou á menor a tentar defenderse, “pero non había posibilidade algunha de éxito nese intento, ante ese ataque violento e sorpresivo da súa propia nai, decidida a acabar coa súa vida”. Por iso, foi considerada autora dun delito de asasinato, coa agravante de parentesco e a atenuante analóxica de alteración mental ou psíquica.

O xurado considerou acreditado que a acusada, quen durmía na mesma cama que a súa filla, coa finalidade de acabar coa súa vida, lle subministrou un fármaco con efectos sedantes e, a continuación, “a asfixiou coas súas propias mans, exercendo presión no seu pescozo e obstruíndo tamén as súas vías respiratorias, boca e nariz, para o que puido empregar, ademais das súas mans, algún dos obxectos que había na habitación”, tales como un coxín. Na sentenza, a maxistrada presidenta do tribunal do xurado relata, de conformidade cos feitos acreditados, que a nena “se chegou a espertarse e a tentar defenderse, sen posibilidades de éxito”. Tras matar á súa filla, a condenada acudiu ao dormitorio da súa nai, comunicoulle que morrera e inxeriu unhas pastillas sabendo que non lle provocarían a morte, segundo indícase na resolución.

O xurado, baseándose nos informes da pericial de psicoloxía e de psiquiatría, estimou que non existe unha relación directa entre o trastorno que sofre a acusada, mesmo no seu aspecto de posibles delirios, coa acción de dar morte á súa filla, “máis aló do estrés que nela xeraba a relación das dúas co pai (moi acusado polo feito de ser coñecedora da intención da súa exparella de incrementar a relación coa nena)”. No momento matar á menor, segundo o xurado, “tiña afectadas as súas capacidades cognitiva e volitiva, de forma significativa ou relevante, pero só parcial e non importante, especialmente a volitiva”. Ademais, concluíu que se produciu unha “simulación/esaxeración da psicopatoloxía por parte da acusada, sobre todo en canto ás alteracións de memoria”.

A sospeitosa, segundo a resolución, era coñecedora da intención do pai da menor, con quen mantivo unha relación sentimental durante catro anos, de modificar o acordo de medidas paterno-filiais, ampliando o réxime de visitas ou reformando a garda e custodia para que fose compartida, co fin de pasar máis tempo coa nena. “Esa foi a principal razón de que dese morte á súa filla”, segundo sostiveron os membros do tribunal do xurado, os cales tamén consideraron probado que, uns días antes dos feitos, a condenada indagou na internet sobre os medios cos cales podía acabar coa vida da súa filla e realizou unha procura dun veleno chamado estricnina.

De acordo coas conclusións do tribunal do xurado, a condenada ten diagnosticado un trastorno psicótico non especificado e un trastorno da personalidade de tipo mixto, que no momento dos feitos “afectaba parcialmente ás súas facultades mentais e non de forma importante e, por tanto, á súa capacidade para comprender a ilicitude do feito e/ou á súa capacidade de autocontrol e autodeterminación para actuar conforme á devandita comprensión”.

A maxistrada presidenta asegura no fallo que as explicacións da condenada e a súa confrontación coas demais probas “nin sequera no que se referiron á súa suposta falta de capacidade, permitirían soster a existencia dunha dúbida razoable ao seu favor”. Así, afirma que, no xuízo, a muller insistiu na súa falta de recordo acerca dos feitos. Esa amnesia, segundo a sentenza, foi “posta en dúbida pola proba pericial” e apreciábase “selectiva”. Ademais, lembra que, aínda que a acusada sempre apuntou a que a menor puido beber dunha botella con medicamento, “non sempre afirmou que a tivese preparada con intención de suicidarse ela”. A Audiencia tamén sinala no fallo que as conclusións do informe pericial biolóxico apuntan que nos dous tapóns de botellas (o de cor rosa da mesiña de botella con líquido branco e o de cor vermella e branco correspondente a botella con líquido marrón) aparecen restos orgánicos co perfil xenético da menor. Pola contra, non figura perfil xenético da súa nai. Contra a sentenza cabe interpoñer recurso de apelación para ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com