A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a catro anos de cárcere ao pasaxeiro dun tren interceptado na estación de Monforte de Lemos cando portaba cocaína. O tribunal considera probado que, sobre as 20:30 horas do 14 de novembro de 2021, o acusado foi observado por axentes do Corpo Nacional de Policía apeándose na estación de tren de Monforte de Lemos do convoi procedente de Barcelona. Os axentes, tras interceptalo, procederon á súa identificación e informáronlle de que lles transmitiran que un individuo das súas características podía portar substancias estupefacientes. Unha vez en dependencias policiais, segundo consta acreditado na sentenza, interviñéronlle 145 euros procedentes da súa actividade ilícita e un bote envolto en papel de agasallo na súa maleta, o cal contiña no seu interior cocaína, cun peso de 247,75 gramos e unha riqueza do 77,33 %.
O tribunal conclúe na resolución que a substancia intervida estaba destinada á venda ou distribución a terceiras persoas. Ademais, destaca que a súa venda por gramos no mercado ilícito habería reportado un beneficio de 24.623 euros. A Sala condenouno como autor dun delito contra a saúde publica na modalidade de substancias que causa grave dano á saúde e, ademais de catro anos de prisión, impúxolle o pagamento dunha multa de 30.000 euros. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.