A Audiencia de Lugo inhabilita ao exalcalde de Muras durante nove anos e medio por contratar irregularmente a empregados municipais

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo inhabilitou ao exalcade de Muras durante nove anos e medio para todo cargo público con facultades de contratación por cometer un delito continuado de prevaricación administrativa. O tribunal considera probado que entre 2012 e 2015 o acusado, na súa condición de rexedor municipal, subscribiu con diversas persoas contratos laborais de carácter temporal, “prescindindo total e absolutamente de calquera tipo de procedemento que garantise os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade para o acceso á función pública”. Ademais, salienta que o procedemento era inexistente, “sen publicidade das bases e convocatoria”, e que a contratación era realizada “por el mesmo, segundo o seu libre criterio”.

Os xuíces aseguran que tiña “pleno coñecemento de actuar á marxe do ordenamento xurídico e vontade de facelo”, así como que sabía “que ocasionaba un resultado materialmente inxusto coa súa actuación”. O alcalde levou a cabo as contratacións, segundo a sentenza, “a pesar das advertencias da secretaria-interventora do Concello, quen llas realizou verbalmente e por escrito”. Os maxistrados sinalan que lle indicou que a Alcaldía era “un órgano manifestamente incompetente para a súa realización, aclarando que o órgano habería de ser colexiado e que non podería o alcalde formar parte do mesmo por ser persoal de designación política”. Ademais, a secretaria advertiulle de que “a maior parte do persoal viña concatenando contratos de traballo de duración determinada, desde o día 1 de xaneiro ao 31 de decembro de cada ano, a pesar de que se trataba de cubrir necesidades permanentes do servizo”.

Na resolución destacan que, como resultado, os xulgados do social de Lugo acolleron diversas demandas formuladas por persoas así contratadas polo acusado contra o Concello de Muras, declarando que a súa relación laboral era indefinida non fixa. A “contundencia” da declaración dos feitos probados, segundo salienta a Audiencia, “devén da proba documental, pericial e testifical practicadas no xuízo oral”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com