A Audiencia Provincial arquiva a causa sobre as irregularidades no Garañón por falta de indicios de delito

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acordou o sobresemento provisional e arquivo das actuacións relacionadas coas presuntas irregularidades cometidas durante o desenvolvemento urbanístico do Garañón. O tribunal revogou o auto do xulgado de instrución no que se acordou a transformación das dilixencias en procedemento abreviado, determinando a existencia de diversas condutas constitutivas de delito. Os maxistrados, desta forma, acolleron o recurso interposto polos investigados, entre eles o exalcalde de Lugo e o exconcelleiro de Urbanismo, ao considerar que o auto “se constituíu sobre meras sospeitas que non alcanzan o carácter de indicios”.

A Audiencia indica que, aínda que o auto alude “a unha trama urbanística urdida por unha especie de organización ou grupo criminal que despregaba diversas accións, en conivencia entre todos eles, para favorecer a determinados construtores”, esa presunción “carece de base suficiente para poder afirmarse aínda en termos indiciarios”. Así, os xuíces salientan que “ningún concerto se acreditou entre eles, pois na maioría dos supostos non existe relación xerárquica algunha nin se acreditou indicación, presión ou directriz para aprobar ou informar algúns dos expedientes”. Ademais, indican que “en gran parte dos supostos, non existe relación persoal algunha, directa ou indirecta” entre os investigados.

Respecto ao posible delito de prevaricación urbanística, a Audiencia insiste en que “non toda irregularidade nese ámbito desencadea nunha infracción penal”. Os maxistrados manifestan que “os principios de legalidade, intervención mínima e carácter fragmentario do dereito penal” exclúen da súa competencia “actos que poderían ter o seu ámbito de resolución ante a xurisdición contencioso-administrativa”. Por iso, salientan que o dereito penal se reserva “unicamente cando a orde xurídica non pode ser preservada e restaurada eficazmente mediante outras solucións menos drásticas”. Os xuíces lembran que é preciso “distinguir entre as ilegalidades administrativas, aínda que sexan tan graves como para provocar a nulidade de pleno dereito, e as que, transcendendo o ámbito administrativo, supoñen a comisión dun delito”.

A Audiencia entende que o delito de prevaricación urbanística que imputa o auto a case todos os investigados require que “a resolución ou o informe se leve a cabo de maneira inxusta e arbitraria e con pleno coñecemento da ilegalidade da conduta”, algo que sostén que non se probou. “Non se está discutindo a idoneidade do proxecto ou se se podería facer mellor, o que aquí interesa é se se levou a cabo a sabendas de que beneficiaba a un promotor en detrimento de outros e da cidadanía”, aseguran.

O tribunal afirma que non cabe dúbida de que os prazos de aprobación do proxecto foron “meteóricos”, pero lembra que non foi o único instrumento de plan urbanístico que se aprobou nesa data e por idéntico motivo, é dicir, debido á entrada en vigor dunha lei que reducía edificabilidade. “Sen dúbida, non se solicitaron informes sectoriais e a construción incumpre o artigo 104 da Lei 9/2000 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, afectando tales deficiencias especialmente aos funcionarios que procederon a informar sobre o expediente e que figuran coa condición de investigados, pero non existe indicio algún de que actuasen con coñecemento cabal e a sabendas de que ese informe era preceptivo e coa finalidade de levar a cabo unha ilegalidade”, subliñan os maxistrados, os cales recalcan que tampouco hai indicios de que recibisen “indicación algunha para que así informasen por parte dos demais investigados, políticos e promotores”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com