A Audiencia Provincial de Lugo condena a tres anos de cárcere a un pai por abusar da súa filla

A Audiencia Provincial de Lugo condenou a tres anos de cárcere e a cinco anos de liberdade vixiada a un pai por abusar da súa filla en 2019, ano no que a vítima cumpriu 16 anos. O tribunal considerou probada a existencia de catro episodios de abuso á integridade sexual da menor ao longo dese ano. Un deles, segundo indican os maxistrados na sentenza, sucedeu cando ambos compartiron a cama do camión no que traballaba o acusado, quen dirixiu “a man cara á vaxina” da súa filla, quen lla apartou e advertiulle que llo diría á súa nai se non paraba, polo que o seu pai cesou na súa conduta. Noutra ocasión, segundo o relato de feitos probados da resolución, cando se atopaban no domicilio familiar vendo unha película na televisión, o acusado apagou a luz e tocoulle os peitos. Os xuíces tamén afirman que, tras ese episodio, lle ensinou un vídeo e que lle dixo que era “normal” que pais e fillas mantivesen relacións sexuais. No fallo, ademais, aseguran que, noutra ocasión, o condenado parou o seu vehículo e tentou tocarlle na zona xenital.

O tribunal destaca que a declaración da vítima reuniu “os requisitos e características que a habilitan plenamente para enervar, por si mesma, a presunción de inocencia do acusado, recoñecendo, mesmo, non lembrar con exactitude ou de modo aproximado, as datas dalgún dos feitos”. Ademais, indica que mantivo o seu relato “ao longo de todo o tempo, nas súas distintas declaracións”.

Na sentenza, a sala salienta que o relato da afectada tamén está corroborado por datos ou elementos periféricos, entre eles as manifestacións dunha traballadora social e da súa profesora, a quen lles contou os feitos e lles dixo que non quería denunciar. Esas dúas testemuñas foron quen, nun primeiro momento, puxeron os feitos en coñecemento dos axentes da Garda Civil. Contra o fallo da Audiencia Provincial de Lugo cabe presentar recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com