A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condena a un home a catro anos de cárcere por cometer un delito de abuso sexual con penetración sobre a súa compañeira de piso no momento dos feitos. Así mesmo, impón ao procesado a prohibición de achegarse á vítima ou comunicarse con ela por cinco anos, os mesmos anos de liberdade vixiada que se lle impoñen para cando saia de prisión.
O tribunal tomou esta decisión apoiándose no testemuño da vítima, “esencial á hora de alcanzar unha convicción”, por estar “revestido de elementos periféricos que dotan de credibilidade ao relato e que apuntan de maneira indubitada ao procesado como autor dos feitos”, que no xuízo afirmou que a relación fora consentida.
Explícase na sentenza que, unha vez producido o feito na habitación da afectada tras volver ambos de festa, esta “colocou mobles ante a porta para evitar que o procesado entrase de novo, admitindo este que oíu trasladar mobles, o que evidencia o temor que lle infundiu”. Destacan o tribunal que, “en canto puido, a vítima fuxiu desa casa en pixama e zapatillas, o que revela a situación de estrés pola que estaba a pasar e que é corroborada igualmente polos axentes que acudiron no seu auxilio”. Puntualiza tamén que polo “grave sentimento de medo, inseguridade e temor” padecido, a vítima regresou de inmediato ao seu país de orixe.
Post Views: 0