Martínez vota en contra das mocións do BNG

Manuel Martínez, alcalde de Becerreá e deputado provincial, votou en contra das mocións propostas polo BNG, no Pleno Provincial que se celebraba esta mañá na Deputación de Lugo.

Fíxoo, segundo dixo, como maneira de protesta pola decisión dos nacionalistas de deixalo fóra do goberno provincial. “Se os señores do BNG non queren a un imputado no goberno, tampouco quererán o apoio do seu voto nas mocións que presenten. Dende agora ausentareime do meu sitio cada vez que se vote unha moción do BNG que sexa de interese para a provincia, é dicir, absteréime, e cando estea manifestamente na contra da moción votarei non”. O Salón de Plenos do Pazo Provincial enchéuse de aplausos.

E así foi, Martínez votou en contra cando se debatía unha moción do BNG pedindo o non apoio ás touradas na provincia, e noutra na que se debatía sobre os pagos ao catastro.

O voceiro da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, Rubén Pérez, amosou este mediodía a súa sorpresa polo resultado da moción presentada polo BNG no pleno da Deputación de Lugo, para confirmar que a institución non financiará o patrocinio nin impulsará eventos tauromáquicos na provincia.

“Deste xeito, o PP coa inestimable axuda de Martínez, tumbou a moción que pretendía declarar Lugo como un territorio libre de touradas. Esta iniciativa era  simbólica xa que as deputacións non poden vetar a actividade pero si deixar de subsidiala, tal e como se reflectía tamén no acordo de PSOE e BNG para os gobernos provinciais, e que se fixo efectivo con semellantes proposicións nas homólogas de A Coruña, onde o PP ficou só, e en Pontevedra, con idéntica fotografía”.

O responsable de comunicación desta coalición de entidades contrarias ao maltrato animal lembrou que o acordo de goberno impedirá en todo caso o apoio económico das touradas, ao revés do que pasou o 22 de Agosto durante a etapa do PP ao fronte do pazo provincial, dando soporte a unha “novillada” celebrada en Triacastela.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com