No artigo 3º da sección segunda da Ordenanza de Supresión de Barreiras do Concello de Lugo especifícanse as medidas mínimas para o que se denomina como Banda Libre Peonil. Así denunciaba esta mañá o voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, que Montero Ríos incumpre a normativa municioal. Arroxo sinalou que o ancho mínimo para as áreas desenvolvidas é de 1,50 metros e comprobou que, no caso de Montero Ríos, a anchura da beirarrúa é de apenas 0,90 metros “o que demostra que claramente se está incumprindo a normativa municipal”.
Arroxo explicou que, “na ordenanza, faise unha excepción na que o ancho mínimo é de 1,20 metros para aqueles casos nos existan elementos de sinalización e de urbanización puntuais (semáforos, caixas de correos, sinais, etc.)”. Rubén sinalou que esta barreira leva moitos anos e nunca se lle deu solución “imos presentar unha iniciativa para que o concello actúe dunha vez e se cumpra a normativa vixente”.
Rubén Arroxo explicou que ese punto é problemático dado que a beirarrúa queda moi reducida nunha rúa con moito movemento peonil. “Temos o Camiño Primitivo xusto aí, e no mesmo punto un predio valado con chapa dende hai anos, que fai de barreira urbanística e que crea unha imaxe bastante negativa a nivel estético” dixo Rubén Arroxo indicando tamén que “ese solar se atopa cheo de maleza e incluso de lixo”.
Para a edil do BNG, Maite Ferreiro, esa zona da cidade leva tempo en abandono, e a veciñanza adoita a queixarse da falta de atención e coidado, de aí que considere que pode ser positivo iniciar un proceso de transformación máis ampla que o predio no que se centra a modificación do PEPRI. “Agora que se da un paso importante para resolver o predio onde conflúe San Roque e carril das Flores, é o momento de retirar este tapón”, asegurando que se melloraría moito tanto en imaxe como en seguridade e accesibilidade