A Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla convoca o certame de poesía infantil Nadal 2021 cuxas bases vén de facer públicas a través da páxina web do Concello de Antas de Ulla e das redes sociais oficias.
Segundo especifica o Goberno Local poderá participar calquer neno ou nena, con poemas propios de temática natalicia. Para elo, establécense tres categorías de participación: a primeira será para nenos ata os 8 anos (incluídos), a segunda para nenos de 9 a 11 anos e a terceira e última de 12 a 16.
Cada autor poderá presentar tantos poemas como desexe, sempre redactados en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, e poderán presentarse mecanografados, escritos a computadora ou a man; neste último caso, terá que ser a bolígrafo (non vale lápis). Con cada traballo, acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor/a.
O prazo de presentación dos poemas rematará o 30 de decembro de 2021, debendo ser entregados polos seus autores/as na Biblioteca Pública Municipal.
Os poemas serán valorados por un xurado, formado por entendidos na materia, que seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. Os autores/as seleccionados recibirán cadanseu diploma e libros ou material escolar.
Os traballos premiados nesta fase local, participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.
O fallo do xurado local farase público na primeira quincena de xaneiro do 2022. Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública de Lugo que se reserva o dereito de publicación dos mesmos.