A biblioteca Nodal acolle a VIII Xornada de literatura de tradición oral

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará o vindeiro mes o Día das Bibliotecas cunha programación especial que ten como acto central a VIII Xornada de literatura de tradición oral, que coordinan membros da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Así, o día 24 de outubro, data na que se celebra a efeméride, o salón de actos da Biblioteca Pública Provincial acollerá esta xornada en horario de mañá e tarde. Estará coordinada por Antonio Reigosa e Isidro Novo, vogais da AELG.

Previamente, o día 23, o centro celebrará unha xornada de portas abertas durante todo o día, e ás seis da tarde terá lugar na sala multiusos o obradoiro Contando en viñetas, a cargo de Noemí López, dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.

Programación infantil

A programación infantil da Biblioteca dará comezo este mesmo venres co contacontos Helados de cuentos, de Olga Cuervo, ao que seguirá, o venres 9, na narración Un mundo cheo de cores, de Fátima Fernández, ambos ás seis da tarde e para nenos e nenas de 4 a 12 anos.

O día 16, Trécola Teatro presenta na ludoteca ás seis da tarde Exploradoras, e unha hora despois dará comezo na sala multiusos un obradoiro con actividades para o desenvolvemento de habilidades nos nenos. Así, haberá actividades de enfoque cognitivo, como xogos pedagóxicos e ábaco; kinestésico, como o ioga, e emocional, a través do recoñecemento de emocións básicas e xogos de rol.

A programación infantil remata o venres 30 con Chus Álvarez e Zeta, contiños para durmir,actividade orientada aos máis pequenos, de 0 a 3 anos. En todas as actividades é preciso apuntarse previamente.

Iniciación á informática

A Biblioteca Pública Provincial ofrece unha nova edición do curso de Iniciación á informática, que comezará o martes 20 e está dirixido a usuarios adultos que precisen nocións básicas do entorno Windows, creación de carpetas, menús ou uso dun procesador de textos.

Polo que respecta ás exposicións, está aberta ao público a mostra “Detrás das luceciñas: soños e medos das mulleres”, con fotografías realizadas por participantes do programa Muller de Cáritas Diocesana. Tamén durante este mes permanecerán as mostras bibliográficas Escola de pais, no vestíbulo;Preparar a rentrée, na sala de préstamo, e Volta ao cole, na infantil. Por último, están en marcha os clubs de lectura -adultos, infantil e xuvenil, e inglés- e as mesas de conversa en inglés.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com