A Consellería de Cultura premiará con sendos lotes de libros ao usuario infantil e adulto da Biblioteca Nodal que máis préstamos sume entre os días 1 e 23 de abril, cando se celebra o Día Internacional do Libro. Este é un dos actos que organiza a Biblioteca para celebralo, no que tamén se conmemora o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o 2 de abril, coincidindo coa data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen.
O centro acollerá este mes unha exposición bibliográfica de autores e ilustradores gañadores do premio Andersen. Igualmente, o venres día 10 ás seis da tarde, a sala infantil acollerá a mensaxe da escritora Marwa Obaid Rashid Al Aqroubi, Moitas culturas, unha historia, que xunto ao cartel da ilustradora Nasim Abaeian, serven este ano para celebrar en todo o mundo o Día Internacional do Libro infantil.
O venres 17 de abril, Forma Teatro presentará na ludoteca Bebecontos de Choupiña e Trasnón, dirixido aos máis pequenos, de entre 0 e 3 anos, mentres os nenos e nenas de entre 5 e 10 anos terán a oportunidade de participar na actividade Entre rúas e versos, un itinerario poético cultural no que se le camiñando para descubrir recunchos da cidade e gozar cos versos de poetas galegos.
Ese mesmo día, a sala multiusos acollerá un contacontos para nenos e nenas de entre 4 e 8 anos. O venres día 24, o salón de actos albergará Contos de maxia, para nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, un espectáculo baseado no libro O Sorriso de Rosalía. Todas as actividades da programación infantil comezan ás seis da tarde.
Posteriormente na multiusos, terá lugar o obradoiro Arte nos libros, para nenos e nenas de entre 5 e 14 anos, unha proposta con actividades plásticas a partir de imaxes artísticas e textos literarios.
A Biblioteca acolle tamén durante todo o mes unha exposición sobre Manuel Rodríguez, escritor de Paradela, considerado como o mellor poeta obreiro do século XX en Galicia. A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez que GaliciaDigital e a familia do escritor emprenderon en 2012 con apoio institucional.