A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa diversas efemérides que se celebran na Biblioteca Nodal de Lugo ao longo do mes de xullo, entre as que destaca o Día Internacional da comprensión lectora.
O xoves día 23, cuns días de antelación sobre a data oficial (26 de xullo), o centro acollerá ás 12 da mañá no salón de actos a narración oral “Contos susurrados”, dirixido a un público familiar. A entrada é libre e gratuita, ata completar aforo.
A Biblioteca Nodal conmemorará tamén o 115o aniversario do nacemento do poeta Manuel Antonio co obradoiro “De catro a catro”, que terá lugar na sala multiusos o día 16, a partir das 12.00 horas, e está dirixido a nenos e nenas de 4 a 12 anos. Nel realizarase entre os participantes un mural conxunto no que se traducirán as palabras de Manuel Antonio en imaxes recompoñendo un dos seus poemas. Para participar é preciso apuntarse.
Doutra banda, o día 6 comeza un curso gratuíto de iniciación á informática para nenos e nenas. Nel ensinaranse conceptos e nocións básicas, como funciona o procesador de textos e como navegar por internet. Para tomar parte no curso é preciso inscribirse na biblioteca, en Administración.
Ademais, como ven sendo habitual ofrécense visitas guiadas para coñecer a biblioteca e os seus servizos os martes e xoves. Os mércores, ofertarase formación de usuarios para aprender a usar mellor os recursos da biblioteca. Para ambas actividades é preciso apuntarse na biblioteca ou chamar por teléfono.
O centro ofrece ademais a exposición “Libros para contemplar” e diversas mostras bibliográficas. Na sala de préstamo amosarase a que leva por título “Viaxamos?”, e no vestíbulo “Lecturas para o verán”.