A brava Marisol

Por acertada decisión municipal, a pregoeira do San Froilán vai ser Marisol Bravos, mestra, defensora da muller e do maltratado, que podería ser Alcaldesa, voceira dos afectados polo Covid ou impulsora dos dereitos dos nenos, porque en todo o humano ten experiencia e atribución. Antes con muletas, agora en cadeira de rodas, é muller combativa, e hai que estar atentos ao que diga no pregón, sabendo que nos vai afectar a todos os descontentos con este mundo, coa situación dos máis febles, coa comodidade cómoda do que ten a vida solucionada.

Marisol era nena nos tempos en que os minusválidos non podían aspirar a unha vida normal. Pero tropezou con Xesús Mato que inventara Auxilia e defendía que os minusválidos podían ser moito máis que válidos para a sociedade. Cando eu mozo, coidábase que ninguén que tivese unha tacha física, como era o meu caso, podía ser mestre porque os nenos podían rirse del.

Marisol estudou, superouse, e dubido que houbese un só alumno que non a admirase. E foi presidenta de Auxilia, sucedendo a Mato nese servizo maxistral de dignificación humana. Exemplo para moitos, é espello no que mirarse os que queiran ser o que poden ser, porque -dixo Iago Santalla, na teoría do “ilímite” – cada un de nós non ten máis límites ca os que un mesmo se pon.

Non escoiten o pregón os que agarden un texto doce e festivo. Escóitena atentos os que teñan curiosidade polo que diga unha muller que derriba barreiras, defende ao agredido e sabe que as mulleres son, como mínimo, iguais aos homes. Eu escoitareina, e quen me lea fará ben en estar atento, porque todos podemos aprender moito desta guerrilleira social á que compre escoitar en posición de firmes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com