A calidade e a modernidade da FP galega, nas Galiciaskills 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu hoxe o acto de entrega das medallas de oro e prata das Galiciaskills 2021, as olimpíadas da FP, cuxos gañadores sinalou como expoñentes “da calidade e modernización da Formación Profesional galega”.

Felicitou, asemade, a estes 50 alumnos pola súa excelencia. “Estamos moi orgullosos de vós, xa que sodes piares que facedes que a nosa FP sexa un sinónimo de calidade, de profesionalidade e de innovación”, afirmou.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en valor o modelo de éxito destas ensinanzas na nosa comunidade. “Non hai máis que repasar as cifras dos últimos anos para comprobar que a FP galega experimentou na última década unha verdadeira revolución silenciosa”, explicou, sinalando que os datos de matrícula actuais “duplican practicamente aos que tiñamos hai 10 anos, ata superar a barreira dos 60.000 estudantes”.

Así mesmo, destacou a implantación de novas modalidades, como os másters de FP, “poñendo en marcha 13 cursos de especialización en áreas de futuro”, ou a FP Dual, “que é hoxe un dos principais valores da nosa oferta. De feito este ano acadamos a cifra récord de 160 ciclos, nos que se forman 2.000 alumnos”, dixo.

Román Rodríguez quixo facer tamén fincapé nas cifras de inserción laboral destas ensinanzas, que se sitúan no entorno do 90% e mesmo por riba no caso da FP Dual. “Agora máis ca nunca a nosa Formación Profesional é sinónimo de prestixio, competitividade, empregabilidade e adaptación ao entorno laboral”, salientou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com