A Casa da Cultura de Becerreá acollerá mañá xoves 8 de xuño, ás 11.00 h, o acto de inauguración da exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel.
A mostra enmárcase no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre ABANCA, Afundación e o Concello de Becerreá, institucións que estarán representadas no acto de inauguración coa presenza do alcalde do Concello de Becerreá, Manuel Martínez; o coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Óscar Rodríguez; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
A exposición «Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos
como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a cunca do lugués río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia da auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o 7 de xullo, de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h.