O presidente de Fundación CEL, Luís García Santalla, o director de institucións de Lugo de CaixaBank, José Vicente Centelles, e o director de área de negocio de CaixaBank, Igor das Heras, subscribiron un convenio de colaboración para facilitar o financiamento de proxectos empresariais na provincia de Lugo a través de microcréditos.
Coa firma deste acordo, establécese unha liña de financiamento de ata un millón de euros. Os solicitantes poderán optar a microcréditos ata un importe de 25.000 euros co único requisito de contar cun plan de empresa para o seu proxecto empresarial e un informe favorable de viabilidade elaborado por Fundación CEL.
O criterio de concesión de microcréditos por parte de MicroBank atende fundamentalmente á confianza na iniciativa e á viabilidade do proxecto, podendo acceder empresas sen garantías nin avais. O presidente da Fundación CEL, Luís García Santalla, sinalou durante o acto de firma que a experiencia no apoio e tutelaje a emprendedores da Fundación CEL será “o aval de confianza que facilitará un novo instrumento máis de apoio aos nosos futuros empresarios”.
Neste sentido, subliñou tamén que este tipo de acordos buscan “completar o catálogo de servizos aos emprendedores de Lugo” da Fundación CEL e subliñou a súa confianza en que este convenio con MicroBank contribúa a paliar “unha das principais dificultades ás que se enfrontan os emprendedores cando inician actividade, a de falta de financiamento”.