A cerámica de María Sánchez, en Caldiae

A ceramista e deseñadora gráfica María Sánchez inaugurará unha exposición o vindeiro luns, 25 de novembro, ás 20:30 horas en Caldiae Factoría Cultural (hall dos Codex Cinema), como parte da Programación Cultural Anual adicada a mulleres artistas impulsada pola plataforma cidadá Lugonovo, en colaboración con Caldiae Factoría Cultural.

María Sánchez obtivo as titulacións de Deseño, Gráfico e Cerámica Artística na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, despois de quedar sen traballo durante a crise. Tivo que reconverterse profesionalmente, e decidiu estudar o que sempre quixo: algo relacionado coa arte.

As súas creacións están inspiradas pola natureza e o movemento Art And Crafts. Un dos seus referentes é William Morris, pois contribuíu en grande medida a dignificar o oficio de artesán. A obra de María Sánchez está especialmente influenciada polo traballo de dúas mulleres da mesma época, Margaret Cameron (que comezou a utilizar una cámara fotográfica ós 48 años) e Anna Atkins (que foi considerada a primeira muller fotógrafa da historia).

Na súa obra, María combina o deseño gráfico e a cerámica, principalmente empregando ilustracións e tamén fotografías que nalgúns casos se rexistran sobre a propia cerámica. Inspírase na beleza das pequenas cousas do cotiá, que se fai visible para a mirada daqueles que a aprecian, e tenta levar esas percepcións ás súas creacións.

Actualmente, María Sánchez firma as súas obras de cerámica artística, decorativa e utilitaria baixo a marca Ceniza de Papel.

As artistas galegas, especialmente afectadas pola discriminación de xénero na arte, precisan unha abundancia de oportunidades, apoio e visibilidade para poder avanzar na súa carreira. Proporcionarlles isto é o obxectivo da Programación Cultural Anual impulsada por Lugonovo e Caldiae.

En palabras de Camino Casabella, coordinadora de cultura de Lugonovo, “queremos dar a coñecer ao público lucense a obra dun grande número de artistas, que poden adicarse profesionalmente a isto se reciben as oportunidades que precisan. Queremos que as iniciativas vinculadas á creación artística teñan futuro na nosa cidade, e para iso é necesario que tódalas persoas teñan a posibilidade de participar no ámbito profesional das artes. Todos se benefician dun eido cultura activo e dinámico onde existe igualdade, ao que a nova xeración de mulleres artistas pode acceder. Para lograr isto precisamos que as institucións fagan a súa parte”.

Esta exposición, a derradeira da Programación Cultural Anual de 2019 promovida por Lugonovo e Caldiae, poderase visitar ata o 20 de decembro, de xoves a domingo, entre as 18:00 e as 22:00 horas. Tras ela dará comezo a Programación Cultural Anual de 2020.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com