A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, abre o trámite de vista e audiencia ao expediente da zona de baño no Miño ao seu paso pola cidade de Lugo, unha vez recibido o informe preceptivo e vinculante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia que é desfavorable á nova localización proposta polo promotor de expediente, Concello de Lugo.
No seu informe a Xunta de Galicia indica que o novo emprazamento da zona de baño non é autorizable porque acusaría danos á colonia e o hábitat de dúas especies protexidas existentes no lugar da instalación proxectada. En base ao citado informe desfavorable, este organismo de conca non pode autorizar a zona de baño solicitada polo Concello de Lugo, aínda que, atendendo á normativa, abre o tramite de vista e audiencia do expediente aos interesados no procedemento para que, no prazo de 15 días hábiles emitan as alegacións ou suxerencias que estimen oportunas.
Pola súa banda, o Concello de Lugo tamén tería a posibilidade de alegar e achegar nova documentación que poida cambiar o criterio da DX de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.