A cidade non é para min

Poucas veces somos conscientes da realidade que nos rodea, do que disfrutamos; e case sempre desexamos o que non temos sen valorar como se merece o que posuimos.

Esto, vale para case todo na vida, pero aténdonos á realidade do noso entorno, temos que apreciar o pouco valor que se lle deu ao vivir no rural, valorando de xeito especial o urbano, e daí o éxodo do rural galego e lucense que nos anos sesenta e setenta comezou a quedar deserto, buscando un traballo con soldo a fin de mes, pavimento, teléfono, ambiente urbano en fin. Mentras que os urbanitas comezabamos a valorar a vida no rural pola tranquilidade, o medio ambiente…todo o que contrasta co urbano.

Mentras do rural iamos para os pobos, deses pobos a emigración producíase ás capitais de provincia, ou capitais de máis lonxe, que medraron ostensiblemente, de xeito que a cidade de Lugo case duplicou a súa poboación no último medio século.
Cavilaba esto a pasada semana indo a Madrid presentar a última novela de Neira Pampín, co natural placer da viaxe, e co maior placer da volta, e mesmo o placer de pensar en volver.

Para un lucense de pobo que veu vivir á capital, Madrid convénceme de que a cidade non é para min, lembrando a Paco Martínez Soria, comparando sen querer as desmesuras madrileñas coas medidas humanas da cidade de Lugo, e xa non digamos a tranquilidade do noso rural que me facía sentir extraterrestre no Metro, na estación de Sol, onde en horas punta o magnífico sistema de transporte se transforma nun potro de tortura.

Cada viaxe que fago fóra de Galicia faime sentir nostalxia valorativa deste ambiente provinciano, das distancias domésticas, dos agobios urbanos que resultan remansos de paz. Temos que relativizar as realidades, e convencernos de que este estilo de vida é compatible co noso ser e sentir. E que as cidades non deberan medrar máis do que as persoas poidan soñar e disfrutar. E que o que nós non valoramos, é o máis apreciado polos que nos visitan.

E podemos pensar: Si, moita tranquilidade, pero fáltanos forza, traballo, empuxe, potencia… E recoñecemos que si, temos a base, pero fáltanos altura de miras, de organización e investimento; que temos moito, faltándonos moito. Pero iso… é outra historia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com