A Confederación Intersindical Galega (CIG) realizou unha concentración hoxe, xoves, 13 de febreiro de 2020, ás 11.00h da mañá, diante das instalacións da empresa Salutrans no Polígono Industrial de As Gándaras en Lugo, polo despedimento “inxusto” dun traballador.
A empresa Sanitaria Lucense de Transportes SL (Salutrans), adxudicataria do servizo de transporte sanitario hospitalario e programado nos hospitais de Lugo e de Monforte de Lemos, despediu a finais do mes de xaneiro deste ano a un traballador, segundo a CIG, “alegando feitos falsos, o que claramente deixa ver que se trata dun despedimento inxustificado totalmente”.
Segundo denuncia o sindicato, de contínuo “nos atopamos” con incumprimentos en materia de dereitos laborais e de seguridade na actividade cotiá do persoal “o que vén a contrastar con este tipo de actitudes empresariais de despedimentos inxustificados”.
Dende a CIG, denuncian que as empresas de Lugo deste sector están asumindo os importes do finanzamento da Xunta deste servizo á cidadanía na amortización de postos de traballo, nun escenario actual de precariedade e que “claramente terá a súa repercusión directa no servizo á cidadanía”, recentemente dende esta central sindical denunciouse os “despedimentos inxustos” e “en represalia” doutros compañeiros do servizo urxente en Sarria que concluíron con importantes indemnizacións económicas, estas “actuacións temerarias dos empresarios veñen a comprometer os importes dos contratos en feitos palpables, os vehículos teñen deficiencias nos seus accesos, non se garante a limpeza e desinfección da uniformidade, etc”.
Diante desta situación a CIG denuncia publicamente esta actuación empresarial como un claro atentado ós dereitos laborais e sindicais do persoal, solicitando a readmisión deste compañeiro de xeito inmediato, como alternativa o procedemento xudicial que sobrevirá nas próximas datas.