Delegadas e delegados da CIG no sector dos centros de chamadas continuaron este martes co calendario de mobilizacións para esixir un convenio xusto que dignifique as condicións laborais e salariais do persoal. Despois das protestas realizadas en Vigo, A Coruña e Ourense, hoxe a concentración tivo lugar diante das oficinas de Abante BPO en Lugo, mentres que para o 15 de marzo está convocada unha nova mobilización en Compostela.
A representación da CIG denuncia que tras dous anos de negociacións sen avances, nos que os traballadores e as traballadoras están perdendo poder adquisitivo, a patronal non só non quere asumir ningunha mellora neste convenio, senón que mesmo pretende precarizar aínda máis a contratación e as condicións laborais.
A coordinadora do sector, Patricia Cordo, indicaba que ao tempo que a CIG se mobilizaba en Lugo, a patronal celebraba en Madrid o primeiro congreso de Contact Center que, nun alarde de poderío económico, organizaron no Hotel Ritz. Un dispendio que contrasta coa avaricia amosada polas empresas na mesa de negociación, que segue negándose a aceptar unhas condicións salariais dignas.
Nese congreso, engadiu Cordo, a patronal gábase de ofrecer servizos claves e esenciais para a cidadanía con profesionalidade e unha alta calidade na atención, “pero esquecen que todas estas características llas damos nós, as persoas traballadoras, ás que precarizan día a día sen escrúpulos e non nos recoñecen en convenio precisamente esa profesionalidade e experiencia da que fachendean nos medios para colgarse a medalliña”.
Critica que as empresas están obtendo substanciosos beneficios a conta de explotar o persoal con salarios de miseria, que aínda por enriba levan anos conxelados. “Na carta de presentación dese congreso falan de despegue económico mentres que na mesa do convenio descaradamente din que non existe, incluso cuestionando a viabilidade do sector se introducen salarios e condicións laborais dignas”, subliñou.
Afondar na precariedade
Como exemplo da avaricia desta patronal, explicou que os contratos de obra nestas empresas foron declarados ilegais por sentenza xudicial, pero néganse a converter o persoal en indefinido. “Mais agora, coa nova reforma laboral, o Goberno español deulles un novo instrumento para continuar cunha temporalidade que, ademais, pretenden utilizar en todas e cada unha das súas modalidades, estendendo prazos e circunstancias de aplicación”.
Xunto a isto, lembrou que durante toda a pandemia, as empresas aproveitaron para presentar ERE e ERTE e mandaron ao persoal a teletraballar cos seus propios medios, na maioría dos casos sen chegar a compensar nunca os gastos derivados desa situación, e utilizándoa incluso como premio ou castigo en función dos resultados.
Ante a postura inmobilista da patronal, a CIG advirte que esta xeira de mobilizacións constitúen unha primeira chamada de atención, polo que non dubidarán en avanzar na conflitividade coa convocatoria de paros parciais ou folgas “se a negociación segue polo mesmo camiño”.