A Confederación Intersindical Gaelga (CIG) vén de convocar para mañá, martes 15 de outubro, unha concentración diante do Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (ronda Fingoi, 170) a partir das 09.55 horas, con motivo do intento de conciliación obrigatoria que se manterá contra a empresa Luis Iglesias Carreira S.L., polo despedimento “inxusto” de dous traballadores da base de ambulancias do 061 de Sarria.
A empresa Luis Iglesias Carreira SL, actualmente en mans dos propietarios de Ambulancias Rubiero-Xirón SL, vén de realizar o despedimento de dous traballadores alegando motivos disciplinarios. A CIG denuncia publicamente que os feitos imputados ao persoal “non son certos” e que, en realidade, “os despedimentos teñen a súa orixe na recente celebración de eleccións sindicais no centro de traballo de Sarria”, así como unha represalia a este persoal por manter unha demanda xudicial por incumprimentos no convenio de ambulancias de Galicia.
A CIG rexeita esta actuación empresarial por entender que se trata dun “claro atentado aos dereitos laborais e sindicais do persoal” desta base de ambulancias e solicita a readmisión dos traballadores, tendo en conta ademais o marco actual do inminente procedemento de subrogación do persoal do transporte sanitario urxente logo da concesión dos novos contratos da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia 061. Proceso que está sendo precedido de “excepcionalidades” na provincia de Lugo que “apuntan claramente á intencionalidade de novos incumprimentos polas empresas entrantes” sobre o actual convenio de ambulancias, entre as cales se atopa a que vén de protagonizar os despedimentos de Sarria.
Este acto de solidariedade cos compañeiros despedidos da ambulancia do 061 de Sarria non será o único, pois dende a CIG daráselle o oportuno seguimento á evolución deste conflito.