A CIG de Lugo-A Mariña vén de dirixirse por escrito ao Concello de Monterroso para demandarlle información concreta sobre a situación actual da Vivenda Comunitaria e que aclare que plans de futuro ten o Goberno municipal para este servizo, que nos últimos meses non fixo máis que perder usuarios e usuarias.
A central amosa tamén a súa preocupación pola viabilidade deste servizo tendo en conta que as baixas producidas non están sendo compensadas por novas altas e que non se percibe ningún interese por parte do Concello en corrixir esa perda de usuarios ou por mellorar os servizos que se ofrecen.
Neste senso, a CIG tamén critica o escurantismo e a opacidade do Goberno municipal, posto que en novembro e decembro as traballadoras e o comité de empresa solicitaron información sobre a situación da Vivenda Comunitaria sen que até o momento recibiran ningunha contestación. Esta falta de información está xerando incerteza e intranquilidade entre as traballadoras da vivenda a respecto do seu futuro laboral, xa que descoñecen que plans ten o Concello para este servizo ou se ten previsto algún proxecto para reverter a caída de persoas usuarias.