A sección sindical da CIG en Carrefour Lugo denuncia a desconsideración da dirección da empresa que, 24 horas antes da celebración da xuntanza que estaba convocada había máis dunha semana, rexeitou reunirse co comité sen ningún tipo de xustificación. A reunión (prevista para o martes 28) fora solicitada pola representación social ante as reiteradas irregularidades no abono das nóminas que se están a producir no centro de traballo de Lugo.
Dende o pasado mes de xaneiro, a empresa mudou o sistema de abono de salarios nas xornadas parciais, pasando de pagarse por hora traballada a pagarse de forma lineal segundo as horas contratadas.
Porén, dende hai meses estase comprobando que o tempo que se lle abona a este persoal é inferior ao que realmente traballa, polo que o comité se dirixiu á dirección para que explicara como está facendo o cálculo da nóminas. Pero despois de intentar en varias ocasións ter unha reunión coa empresa, a día de hoxe a representación social continúa sen ter resposta nin por parte do responsábel de Recursos Humanos do centro de Lugo, nin por parte da rexional de RH, a pesar de comprometerse a dar contestación.
Ante a pasividade destes mandos, o pasado día 20 de setembro, o comité decidiu convocalos a unha xuntanza extraordinaria para este martes 28, a fin de que aclararan os motivos polos que se lles está pagando de menos os traballadores e traballadoras a tempo parcial e por que non se respectan as planificacións feitas dende Madrid, que a dirección de Lugo cambia ao seu antollo, co resultado de que o persoal que fai 90 horas só está cobrando 75.
A sección sindical da CIG esixe unha solución inmediata ante este roubo e advirte que nesta situación se atopa un número importante de traballadores e traballadoras que vén como os seus salarios minguan mes a mes, mentres a empresa se enriquece ilicitamente co seu esforzo.
Out 01, 2021 - 02:01 PM
Qué gran bicoca para as empresas é o traballador a tempo parcial.