A CIG compareceu en rolda de prensa para explicar os motivos polos que non asinou o convenio colectivo no servizo de recollida de lixo e limpeza viaria de Lugo. O novo marco regulador suporá un serio retroceso nas condicións laborais, xa que recorta os dereitos que as traballadoras e os traballadores de Urbaser conquistaron tras a intensa folga desenvolvida hai catro anos, e que se prolongou durante 59 días. A responsable da CIG-Servizos de Lugo, Carme Antas, cualificou a sinatura do convenio nestas condicións “como unha patada nos dentes ao persoal”, tras levar a cabo unha importante loita sindical para defender o seu convenio colectivo, pois coa ratificación do texto por parte de USO e UGT “cae todo o que se tiña gañado”.
Explicou que a única central sindical que levou o preacordo á votación do conxunto dos traballadores de Urbaser foi a CIG, xa que nin USO nin UGT “se atreveron a someter a consideración de todo o cadro de persoal as condicións do texto e que foran eles e elas quen decidiran se procedía ratificar ou non o convenio”.
Neste senso, o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, puxo o acento no “contraste” que se deu entre a negociación deste convenio e a de hai catro anos, cando tras unha folga secundada masivamente, o persoal logrou unha serie de melloras laborais e salariais que os levaron a aprobar por unanimidade o texto do convenio vixente. Esa práctica, en base a unidade de acción e ao carácter abertamente asembleario na toma de decisións, “choca coa praxe á que recorreron UGT e USO para a sinatura do novo convenio”.
“Na CIG non acreditamos con estas prácticas sindicais. A decisión de asinar ou non un convenio colectivo debe recaer na asemblea xeral das e dos traballadores. Por iso, dende a CIG seguiremos loitando para defender os intereses do persoal de Urbaser e imos valorar a legalidade de moitos aspectos deste convenio”, adiantou Niño.