Este xoves tivo lugar a primeira reunión da comisión de seguimento creada no marco do acordo asinado entre o comité e a empresa no día de onte. A CIG advertiu que estará vixilante para que se cumpran todos os termos do acordo, nomeadamente no referido ao calendario para o rearranque das series de electrólise canto antes.
Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na xuntanza, advirte que este acordo se adopta cunha total falta de confianza na multinacional, á vista das súas anteriores actuacións.
“Non nos resignamos a este acordo que non nos gusta. Estaremos vixilantes e seremos esixentes para o seu cumprimento e para que Alcoa e as Administracións estean a altura, porque até o de agora non o estiveron. Este acordo dáse nun marco de desconfianza absoluta e agardamos que a empresa e as administracións, como tuteladoras deste proceso, traballen duro para que nos próximos meses esta desconfianza se converta en confianza”., aseverou.
Con este obxectivo, Carril pediu tamén que as reunións da comisión de seguimento se establezan cunha periodicidade maior á recollida no acordo, “pois a comunicación e a transparencia teñen que primar”, especialmente cando se inicie a reactivación das cubas.
Criticou que despois das intensas reunións mantidas entre todas as partes dende que Alcoa anunciou que quería continuar coa factoría de aluminio, e malia as reiteradas solicitudes do comité, a multinacional non aclarara con que socios enerxéticos estaba a negociar as PPA e “xusto uns días antes da celebración do referendo esta información aparece a todo destaque nos medios de comunicación”. Este tipo de actuacións, insistiu, son as que minan a confianza nas intencións da empresa.
Ademais, chamou as administracións a vixiar que os tratos de Alcoa e as enerxéticas coas que negocia “non se convertan nunha comunidade de interese nesas empresas para que se lle adxudiquen MW de forma incondicional e, por riba, sen termos garantías continuidade industrial da fábrica de San Cibrao”.
En relación ao papel do goberno español e galego no novo período que se abre, o secretario xeral da CIG avanzou que “seguiremos esixindo todas as medidas necesarias para garantir a tranquilidade e a seguridade da continuidade industrial e de todos os empregos, tanto na principal como nas auxiliares”.
Nesta liña, demandou a creación dun marco enerxético máis xusto, estábel e competitivo xa que as medidas contempladas no estatuto electrointensivo “non dan resposta nin solución axeitada ás necesidades deste sector”. Engadiu que o goberno español e a Xunta de Galiza teñen que ter vontade política para pór en marcha medidas na liña das recollidas na proposta de tarifa eléctrica elaborada pola CIG, máxime cando Galiza é excedentaria na produción de electricidade e cando a industria electrointensiva ten un peso específico na nosa economía. “Temos dereitos a pór a produción de enerxía ao servizo do noso desenvolvemento económico, social e industrial”, concluíu.