A CIG reclámalle o goberno que apure os tempos e avancen no proceso de intervención de Alcoa

A CIG reclama dos gobernos español e galego avanzar de maneira decidida no proceso de intervención pública da fábrica de Alcoa San Cibrao, “xa sexa mediante a adquisición transitoria proposta polo Ministerio de Industria ou abrindo a posibilidade á vía dunha expropiación, pois neste momento a intervención parece inevitábel”. Así o trasladou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na reunión telemática celebrada onte á tarde, na que puxo de manifesto tamén a necesidade dun cambio de políticas para que sectores estratéxicos da nosa economía, como a produción do aluminio, non estean sometidos á vontade das multinacionais.

Para non quedar a expensas dos tempos que marque Alcoa, nomeadamente na execución dos despedimentos e unha parada das cubas que sería desastrosa para a continuidade industrial, Carril subliñou “a urxencia de apurar prazos e concretar as medidas e os movementos”. “Sabemos da complexidade xurídica dunha operación deste tipo, por iso os gobernos teñen que redobrar esforzos e nós temos a man tendida para colaborar e facer as achegas necesarias en todo o que poidamos”, engadiu.

A este respecto, insistiu “na necesidade de coordinar as actuacións e sincronizar tempos entre a representación dos traballadores/as, o goberno español e a Xunta, para conseguir frear os plans de desmantelamento de Alcoa e, no máis inmediato, que a empresa non aplique o ERE”. Neste senso, lembrou que, “de estar derrogada a reforma laboral, a decisión non estaría en exclusiva en mans de Alcoa senón que requiriría da autorización administrativa previa”.

De igual maneira, o secretario xeral da CIG demandou establecer un calendario de reunións da mesa e axilidade na celebración dos encontros porque “o tempo bótasenos enriba e sobre a realidade do dereito hai unha realidade de feito, que é o que Alcoa pode facer nos próximos días, o impacto que teñan as súas decisións e como iso se manifeste para o desenvolvemento deste conflito”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com