A CIG recorre por inconstitucionais as bases de selección de persoal do Concello de Monterroso

A CIG vén de presentar recurso contencioso-administrativo contra as bases de selección de persoal temporal do Concello de Monterroso por entender “que son discriminatorias e que conteñen criterios de valoración totalmente subxectivos, que non respectan os principios propios da administración pública, facilitando así unha selección “a dedo”.

A CIG de Lugo-A Mariña considera que “as bases para crear as bolsas de emprego no centro de día, a escola infantil e a ocioteca de Monterroso (ás que recorre o Concello para cubrir as ausencias do persoal destes centros) son inconstitucionais por canto unha parte do concurso de selección se realiza en función da idade das persoas aspirantes”.

Sinalan que “os puntos de valoración son maiores canto máis novas son as persoas: 5 puntos para as menores de 30, 3 puntos para as que teñan entre 31 e 45 anos e 1 punto para as persoas con máis de 45 anos. Este tipo de baremo constitúe unha clara discriminación por razón de idade, que non responde a ningunha necesidade obxectiva para a prestación dos servizos no ámbito municipal. De feito, valórase máis a idade que a experiencia laboral, que se valora cun máximo de 4 puntos”.

Pero ademais sinalan que “o Concello circunscribe o 25% do total de puntos a sumar a unha entrevista persoal na que se valorará “principalmente a aptitude e actitude”;. É dicir, estabelécese un criterio absolutamente discrecional, imposíbel de obxectivar e facilmente adaptábel para cribar e prexudicar determinadas persoas segundo o interese do Goberno municipal”.

Para a CIG, “estes dous baremos teñen como obxectivo discriminar (nomeadamente no caso das substitucións no centro de día) as traballadoras que prestaban servizos na vivenda comunitaria e que foron despedidas o pasado mes de xuño. Coincide que estas traballadoras,
pola súa experiencia e formación, eran as que até agora ocupaban os primeiros postos nas listas de substitución para o centro de día”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com