O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a colaboración do Instituto Nacional de Técnica Aeropespacial (Inta) no Polo Aeroespacial de Galicia é clave para consolidar pegada industrial e crear emprego cualificado neste sector.
Conde manifestou que, froito desa cooperación, o Polo Aeroespacial de Galicia conta cunha infraestrutura de primeiro nivel que é o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), onde hoxe tivo lugar a presentación da aeronave Milano, o proxecto de maior tamaño impulsado pola industria de defensa e civil española.
Segundo dixo, o CIAR dispón dun equipamento de vangarda único en España e deseñado para a experimentación con vehículos aéreos non tripulados; un entorno óptimo que axuda a atraer investimentos especializados cara ao novo parque tecnolóxico e industrial, como xa fixeron compañías como Indra e Babcock.
Nese sentido, o vicepresidente económico apuntou que para a consolidación do Polo Aeroespacial de Galicia vai ser fundamental afianzar a colaboración público-privada. Na parte pública, a través dos fondos europeos Next Generation que deben supoñer un salto de calidade para este proxecto. E, no que respecta á iniciativa privada, manifestou a súa confianza en que se poidan materializar as boas sensacións recibidas ata o de agora coas dez propostas que se presentaron á convocatoria da Xunta para ser futuros socios industriais desta iniciativa de cara aos vindeiros cinco anos.
Conde asegurou que todos os esforzos están centrados en “seguir contratando empresas que poidan desenvolver proxectos de I+D, dar continuidade ás iniciativas que se viñan desenvolvendo e, a partir de aí, consolidar a pegada industrial. Ese é o obxectivo da nova fase de Rozas —dixo— que todos estes proxectos xeren emprego e que poidamos seguir avanzando nunha iniciativa que ten unha estratexia moi ben definida para captar fondos europeos e para que se consolide desde o punto de vista do emprego e desde o punto de vista da industria”, aseverou.