A comisión da antiga Residencia solicita reunirse co xerente do Sergas e a delegada da Xunta

A comisión constituída hai unha semana co obxecto de buscar solucións que revitalicen o barrio da Residencia reuniuse de novo este xoves no Salón de Comisións do Concello. Na xuntanza, presidida polo voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, asistiron, ademais de representantes dos grupos políticos da Corporación, a directora do CEIP Casás e o do colexio Menéndez Pelayo, así como o do instituto Leiras Pulpeiro, tal e como se acordou na constitución da mesa de traballo.

Na sesión de hoxe consensuouse solicitar unha reunión co xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, para concretar unha visita ás instalacións do antigo Xeral, tal e como deu a coñecer Fernández. Neste senso, a mesa de traballo tamén acordou solicitar unha entrevista coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, co obxecto de “coñecer de primeira man os proxectos reais” que ten o Goberno galego para dotar de servizos ás antigas instalacións do Xeral. “Prometeron un centro de saúde propio para o barrio da Residencia que non teñen os máis de 2.500 veciños da zona, situar un Punto de Atención Continuada, levar o Laboratorio de Referencia, que afincaron na rúa Montevideo, e desdobrar o centro da Milagrosa, que atende a uns 35.000 pacientes nun espazo reducido e desfasado en prestacións, e non fixeron absolutamente nada, nin tampouco nos Orzamentos do 2016”, destacou Fernández, quen indicou que os veciños lle trasladaron ao Concello a necesidade de dotar á zona dunha biblioteca pública.

Segundo explicou o voceiro municipal, o Concello realizará un informe urbanístico da zona e elaborará e enviará unhas enquisas aos centros educativos, dirixidas ás nais e aos pais dos cativos e cativas, para coñecer as necesidades do barrio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com