A Comisión de Tráfico aproba a reordenación do tráfico que permitirá a peonalización da Mosqueira

O Concello de Lugo vén de anunciar que a Comisión municipal de Tráfico celebrada hoxe na Casa Consistorial aprobou o plan de tráfico que permitirá a reordenación da circulación de cara á futura peonalización da Ronda da Muralla, na zona da Mosqueira. “Dende a área de Mobilidade realizamos unha proposta que permitirá aumentar a seguridade e a fluidez do tráfico”, relatan dende o goberno municipal que engaden ademais, que esta nova ordenación permitirá tamén “gañar algo máis de 100 prazas de estacionamento a menos de 5 minutos a pé do centro”.

O cruce entre a rúa Vilalba e Ramón Ferreiro pasará a ter unha rotonda que axilizará o tráfico que continuará pola avenida Rodríguez Mourelo ou pola avenida Ramón Ferreiro, mentres que a avenida alcalde Anxo López Pérez cambiará de sentido.

Para continuar cara a San Roque, deberá collerse a rúa Salvador de Madariaga, que cambiará de sentido, continuando pola praza de Bretaña e a Rúa Dinán, que será dun só sentido e na que se poderá coller a rúa das Hermanitas para chegar a San Roque ou a rúa Cidade de Vigo, que cambiará tamén de sentido para comunicar, mediante o treito da praza da Constitución próximo á estación de autobuses co colexio Maristas e co aparcadoiro disuasorio do seminario menor.

Ademais, instalarase un semáforo para mellorar a seguridade no cruce entre a rúa Salvador de Madariaga e a avenida Ramón Ferreiro. Ademais, converteranse en vías de sentido único as rúas Galicia e Jacinto Calvo, no treito entre a Rúa Galicia e a rúa San Roque, e o treito da rúa Celso Emilio Ferreiro entre a avenida Ramón Ferreiro e a rúa Galicia pasará a ser de dobre sentido.

“Estas modificacións servirán para aumentar a seguridade nos cruces, e o percorrido que une a rúa Vilalba con San Roque será o prioritario, polo que, nalgúns momentos do día, os desprazamentos poderán chegar a ser máis rápidos que co plan actual“, explican dende Mobilidade.

Modificacións de aparcamento

A Avenida Ramón Ferreiro e a rúa Dinán gañarán aproximadamente 20 prazas de estacionamento cada unha, xunto coa Rúa Anxo López Pérez, que tamén gañará 20, a rúa Celso Emilio Ferreiro gañará 13, a rúa Galicia 35 e Jacinto Calvo, 15. Pola contra suprimiranse 13 prazas na rúa Celso Emilio Ferreiro e 5 en Salvador de Madariaga.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com