A Concelleira de Benestar Social e Igualdade en funcións, Ana González Abelleira, presentou esta mañá as actividades de verán das actividades socioculturais coas que se busca dar máis facilidades para a conciliación da vida familiar e laboral dos veciños e veciñas de Lugo. Abelleira explicou que “un ano máis o Concello organiza as Aulas Abertas de verán para que as familias poidan conciliar de mellor maneira a vida familiar e laboral con 150 prazas para nenos e nenas de 3 a 11 anos”.
As Aulas Abertas comezarán a funcionar no mes de xullo nos centros da Milagrosa, Lamas de Prado, Fingoi, Uxío Novoneyra, María Balteira, Sagrado Corazón e Maruja Mallo en horario de 10:00 a 13:30 horas. Esta actividade está destinada a nenos e nenas de 4 a 11 anos. No caso das Aulas Abertas do Maruja Mallo e do Sagrado Corazón está dirixido a nenas e nenos de entre 3 a 10 anos de 9 a 14 horas. Terá unha cota de 1,03 euros ao día, pero no caso de ser máis de dous irmáns estarán exento de pago terceiro. As persoas interesadas deberán presentar a documentación requerida entre o luns 15 e o venres 19 de xuño nos propios centros de convivencia. En total son 150 prazas.
A responsable da área de Benestar Social, tamén anunciou as excursións que se van a realizar durante os meses de xullo e agosto e dirixidas a toda a poboación, en especial ás familias, e que ofrecen unha alternativa cultural e de lecer. González Abelleira manifestou que “son unhas viaxes subvencionadas polo Concello para que as persoas que non teñen a oportunidade de viaxar á praia poidan facelo dunha maneira máis económica”. Neste sentido, explicou que as persoas que se inscriban deberán aboar 4,12 euros. O prazo de inscrición está aberto dende o 1 ao 7 de xullo no Centro de Convivencia Fingoi en horario de 10 a 13 horas.
A primeira viaxe está programada para o mércores 15 de xullo ás praias de Ribadeo, o mércores 22 de xullo a excursión será A Coruña, o 29 de xullo visitarase a zona e praias de Betanzos/Ferrol, o 5 de agosto as de Cariño, o 12 de agosto a Viveiro e finalmente, o 19 de agosto, a Foz. En caso de mal tempo haberá unha alternativa de viaxe e será a visita da vila ou da cidade máis próxima para que poidan aproveitar o día.
A hora de saída de cada viaxe será ás 09.00 diante do Centro de Convivencia Fingoi e o regreso aproximado está previsto para as 19.00 horas ao mesmo punto de saída. As persoas que non acudan á hora e ao lugar sinalado que previamente se lles comunique regresarán aos domicilios polos seus propios medios.