A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as obras de acceso ao porto de Burela.
O rexedor do concello de Burela, José Manuel Barcia, contou que “ Ethel Vázquez estivo en Burela para visitar as obras o acceso ao porto burelés, que teñen unha enorme importancia para o noso concello; e non soamente polo que significa como investimento, que é moi importante, senón porque vai desconxestionar bastante tráfico do casco urbano de Burela xa que traerá consigo que practicamente todo o tráfico que se xera no porto vai entrar e saír por ese acceso, que ten unha rotonda na zona próxima ao río Perdouro e chega ás inmediacións de Absa nun recorrido de aproximadamente un quilómetro e trescentos metros”.
José Manuel González Barcia subliña que “este investimento é realmente importante porque estamos falando de case 8 millóns de euros de inversión entre o proxecto e a obra en si mesma. Nestes momentos pode dicirse que é unha das obras máis importantes que está acometendo en materia de infraestruturas viarias a Xunta de Galicia na provincia de Lugo”.
Segundo o alcalde burelés “as obras van a bo ritmo e hoxe mesmo puidemos comprobalo: os traballos de drenaxe están moi avanzados, practicamente concluídos e nos próximos días, xa previsiblemente nesta semana, vaise comezar a traballar no que se refire ao modificado do itinerario da vía do ferrocarril, que é a actuación máis problemática dentro do conxunto da obra, que ten unha complexidade técnica realmente importante, tendo en conta que hai que desprazar a vía do tren en dous puntos concretos.