As 50 granxas socias da cooperativa de Guitiriz Codegui reciben, dende o pasado luns, 12 céntimos menos por cada litro de leite. Ata o de agora Leite Celta pagaba o litro a 30 céntimos, pero dende onte esta industria négase a recoller máis produto. Como alternativa, a cooperativa atopou unha solución temporal, venderlle o leite á asturiana Reny Picot para fabricar leite en pó, o que fai caer o prezo ata os 18 céntimos por litro. Unha situación que dende a cooperativa consideran insostible, e máis tendo en conta que son eles os que se fan cargo dos gastos de traslado do produto ata a planta asturiana, o que finalmente deixa unha media de 15 céntimos por litro tal e como confirmaba a Lugo Si radio o presidente, Raúl Prieto.
Dende Codegui levan facendo xestións para atopar un comprador dende o 21 de xaneiro, cando Leite Celta avisaba do remate da relación de compravenda coa cooperativa, una tarefa complicada que polo momento só permitiu o acordo con Reny Picot. Pero ademais dos trámites da cooperativa, a Consellería do Medio Rural xa avanzara que está tentando buscar unha solución satisfactoria. Ángeles Vázquez dixo hoxe en Lugo que traballa “persoalmente e tamén o meu equipo xa que é un asunto que nos preocupa”. Recoñeceu que na Xunta “como administración temos limitacións, pero tamén obrigas” polo que mantén abertas comunicacións coas dúas partes.
Por unha banda, con Leite Celta, “por entender que hai un acordo para facerse cargo da recollida do volume que había o pasado ano”. A conselleira asegura que podería ser comprensible “que se hai un aumento considerable do volume poidan deixar de facerse cargo dunha parte, porque non teñen onde meter o leite”, pero engadiu non entender “como se deixa sen recoller a unha cooperativa, por máis que eles (Leite Celta) digan que son primeiros compradores”.
Pola outra, a conselleira está tratando coa cooperativa, e aproveita para lanzar unha mensaxe sobre a viabilidade das explotacións. “Chegou o momento de non seguir na mesma situación”, manifestou. “Temos 39 cooperativas en Galicia que son primeiros compradores”, algo que “non ocorre no resto de España”.
Vázquez tamén dixo comprender esta peculiaridade do campo galego: “É certo que é máis difícil a organización por moito que digan, porque en Galicia temos o 38% da produción, mentres Asturias ten o 8% ou Castela e León o 13%, pero por algo temos que empezar, e hai que vertebrarse doutro xeito”.
Retos do sector
A conselleira tamén falou de tres eixos fundamentais para mellorar o sector, que a propia Vázquez lle trasladou ao Ministerio e que “temos que sacar adiante si ou si”. Por unha banda incidiu na figura dos primeiros compradores, persoas, pequenas empresas ou mesmo cooperativas que actúan de intermediarios entre os gandeiros e as industrias. Neste sentido Vázquez falou da necesidade de regular o funcionamento dos primeiros compradores. “Hai que distinguir entre cooperativas e persoas a nivel individual, e coa regulación actual non temos ferramentas para tomar medidas”.
Outra das claves para a conselleira é o decreto de cesión de prezos, “fundamental para ter transparencia, a partir de aí podemos falar todos coa mesma voz”, sen esquecer o papel dos gandeiros, que “teñen que facer unha parte importante, teñen o deber de agruparse e vertebrarse”. E o terceiro eixo para a responsable de Medio Rural é o coñecemento da orixe do leite. “Sabemos onde se envasa pero non de onde procede. O consumidor ten que saber de onde é o leite que consume”.