A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa diversas efemérides que se celebraran na Biblioteca Nodal de Lugo, entre as que destacan os días internacionais da poesía e do teatro.
O día 19 de marzo, cuns días de antelación sobre a data oficial (21 de marzo), o centro acollerá a homenaxe á poesía co evento “Entre rúas e versos”, dirixido a nenos e nenas a partir de 8 anos, un itinerario poético cultural para descubrir recunchos da nosa cidade e gozar con fermosos versos de poetas galegos.
O 27 de marzo, coincidindo co Día Mundial do Teatro, programarase o espectáculo “As aventuras de Quebranoces”, a partir das seis da tarde, para todos os públicos. Coa maxia da música e dos libros, os monicreques deste conto farán unha viaxe trepidante por todo o mundo. Coa interpretación en directo ao piano de O Quebranoces, de Tchaikovsky, os personaxes descubrirán a beleza da amizade, da lectura e da música.
A Biblioteca Nodal homenaxea tamén con sendas mostras a dous egrexios escritores: Ricardo Carvalho Calero, no 25 aniversario do seu pasamento, e a Ramón Cabanillas, no centenario da publicación de “Vento mareiro”.