O Concello de Lugo vén de sacar a contratación a explotación do servizo de cafetería-restaurante do Vello Cárcere, por un período de 5 anos, prorrogable anualmente ata dez, e un importe mínimo de canon a satisfacer ao Concello de 2.000 euros ao mes.
Tal e como se publica no Perfil do Contratante da web municipal www.lugo.gal, aloxado na Plataforma de contratación do sector público, o prazo de presentación de proposicións será ata o día 8 de agosto. O servizo de cafetería poderá prestarse todos os días do ano, en horario de oito da mañá ás doce da noite ou respectando o horario autorizado para este tipo de actividade en cada momento pola lexislación se este forma menor. Deberá ofertar menús variados, así como un menú do día, que incluirá primeiro e segundo prato, sobremesa e bebida a elixir. Así mesmo, deberá incluír na carta produtos que conten coa cualificación de Comercio Xusto, un menú elaborado con alimentos procedentes da Agricultura Ecolóxica e un menú completo adaptado para persoas celíacas.
As comidas serán elaboradas pola adxudicataria na propia cociña do centro e non poderán dispoñerse máquinas expendedoras nin máquinas de xogos de ningún tipo. A cafetería está equipada con 16 mesas e 32 cadeinas no espazo xeral das instalacións, 8 cadeiras altas na barra, 4 mesas e 8 cadeiras altas na zona da fiestra fronte á barra, e 8 mesas e 24 cadeiras na terraza. Será por conta da empresa adxudicataria a instalación de toda a maquinaria, ferramenta e aparellos necesarios para o desenvolvemento da actividades.