O Concello de Lugo sacou a contratación as obras de mellora da accesibilidade no entorno do centro de saúde de San Roque, unhas actuacións financiadas a través do Plan de Barrios coas que o Goberno responde a unha demanda da veciñanza e dos preto de 300 usuarios do ambulatorio.
Na actualidade, está aberto o prazo para que as empresas presenten ofertas, que a Mesa de Contratación abrirá o vindeiro día 23. Unha vez adxudicado o proxecto, o prazo de execución será de 6 semanas.
As obras, que a alcaldesa presentou aos veciños de San Roque a finais de xuño, teñen un orzamento de 35.000€ e consisten no cambio das baldosas actuais por unhas de maior adherencia, a colocación de varandas galvanizadas en cor azul en oito tramos da rúa Ramón Montenegro, Carril do Xuízo e rúa Pena Anda e o pintado de dous novos pasos de peóns, no cruce entre as dúas últimas rúas. A maiores, tamén se repasará a sinalización horizontal da zona.