A contratación o novo parking gratuito municipal do Hula

A Alcaldesa de Lugo informou de que a Xunta de Goberno aprobará na reunión deste mércores o inicio do procedemento de contratación das obras de acondicionamento da parcela municipal situada en fronte ao HULA como aparcamento público e gratuíto, con capacidade para 363 vehículos. Fíxoo este luns nunha comparecencia pública xunto á propia finca ante un grupo de veciños e veciñas, aos que explicou que, entre o procedemento de adxudicación e o de execución das obras, o prazo estimado para a posta en marcha do estacionamento é duns 5 meses, esto é, en outono.

Despois de reaxustar o proxecto técnico, recibir o visto bo da Comisión de Patrimonio da Xunta, preceptivo por existir na parcela unha necrópole megalítica, e contar con consignación económica tras a necesaria aprobación da liquidación do Orzamento do pasado ano, a Xunta de Goberno dará o visto bo o mércores á licitación das obras, coas que “cumprimos unha gran demanda veciñal”, subliñou a rexedora.

Tras a súa publicación no Perfil do Contratante, na web do Concello, as empresas interesadas terán 20 días naturais para presentar oferta. O traballos teñen un orzamento de 119.000€ e un prazo de execución de 3 meses. Dos 25.000 ms2 de parcela municipal, adecuaranse como aparcamento 12.200, que terán capacidade para 363 vehículos. As actuacións levarán aparellado un control arqueolóxico na parcela.

O novo aparcadoiro público e gratuíto en fronte ao HULA complementa a ampliación das prazas que xa fixo o Goberno no 2016 coa reordenación do estacionamento na estrada que circunda o centro hospitalario. Con ambas actuacións, crearanse só neste mandato 513 novas prazas de balde, o que contribuirá a “paliar os problemas de aparcamento existentes” que se encontran os usuarios do hospital, entre 3.000 e 4.000 persoas ao día, subliñou a Alcaldesa.

Este proxecto responde a “unha necesidade social”, e tamén ao modelo de cidade do Goberno, “unha cidade con máis espazos públicos para uso público, sobre todo tendo en conta por que vimos a este centro hospitalario, normalmente por obriga e cando temos un problema, polo tanto, o que menos nos ten que preocupar é buscar onde aparcar e ter un estacionamento gratuíto”.

A rexedora destacou que esta actuación é posible “grazas ao esforzo do Goberno por buscar financiamento, pois, só con vontade, sen orzamento, non temos capacidade de satisfacer as demandas que nos veñen facendo os veciños e veciñas”.

Neste senso, a alcaldesa lembrou que, mentres o Goberno local cumpre coa palabra dada, a Xunta non o fai, ao seguir sen facer gratuítas, ou sequera reducir as “elevadísimas” tarifas do parking privado, a pesar de que existe un acordo plenario unánime ao respecto e cando os terreos nos que está situado foron adquiridos pola veciñanza de Lugo ao Ministerio de Defensa “cun grandísimo esforzo”. A Alcaldesa tamén reiterou a demanda que sigue tendo pendente a Xunta de dotar de Hemodinámica 24 horas ao hospital: “Déronse pasos grazas á presión social, pero non é suficiente, o servizo ten que prestarse as 24 horas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com