Por segundo ano, con motivo do Día mundial das Montañas, o vindeiro domingo, 11 de decembro, a Coordinadora “Eólica, Así Non” convoca á sociedade galega a unha nova grande mobilización fronte a actual invasión eólica.
Dende a Coordinadora “Eólica Así Non” sinalan que escolleron esa data polo “seu carácter especialmente simbólico na loita social contra a vaga eólica colonial que está a sufrir o país e que descorrerá baixo o lema Na defensa das montañas. Eólica Así Non. Temos alternativa”.
“Eólica Así Non” realizará concentracións por diferentes comarcas galegas. Na provincia de Lugo ademáis de na capital, haberá mobilizacións en A Fonsagrada, Becerreá, Foz, Meira, Mondoñedo e Monterroso. Na cidade de Lugo está previsto facer unha marcha que remate nunha concentración no edificio Multiusos da Xunta de Galicia na Ronda da Muralla.
Está previsto comezar a marcha sobre ás 9.15h. Percorrendo o Camiño Primitivo dende San Xoán do Alto, (á altura de Nenea), San Lázaro, cruzar o río Miño pola Ponte Vella, subir pola Calzada Romana e a través da rúa do Carme chegar á Muralla Romana. Cruzar a Porta Miñá, e chegar á Praza da Soidade, pasando por Santo Domingo, Rúa do Teatro, e chegar ata o Multiusos da Xunta. Ás 12h está previsto un pequeno recital poético e a lectura do manifesto.
Convocan a mobilización da comarca de Lugo: ADEGA-Lugo, Amigos do Patrimonio de Castroverde, C.S. Mádia Leva, Asoc. Cova da Serpe, Asociación Galega de Custodia do Territorio, CIG Lugo-A Mariña, Asoc. Ecoloxistas Galiza, AFRUGA, Sindicato Labrego Galego, Rede do Rural, Rede Patrimonio e Nova Escola Galega.