Nun momento no que se intensifican os traslados de mercadorías agrícolas vencellados coa vendima
A Delegación do Goberno en Galicia reitera aos conductores de vehículos agrícolas a necesidade de seguir as recomendacións da Dirección Xeral de Tráfico para garantir que os desprazamentos e traslado de productos ou materiais se realicen sen incidentes.
Con motivo das tarefas de vendima propias desta época do ano e co fin de previr accidentes e modificar hábitos de comportamento para crear condutas seguras, desde a Dirección Xeral de Tráfico en Galicia alértase aos usuarios de tractores e maquinaria agrícola dos riscos asociados ao seu manexo e condución e lémbraselles a obrigación de uso dos sistemas de seguridade, o adecuado mantemento destes vehículos e a obrigación de circular coas autorizacións necesarias (permiso ou licenza de condución, ITV en vigor, seguro obrigatorio).
Con este fin preventivo, axentes da Garda Civil de Tráfico e de Seguridade Cidadá entregarán na estrada material impreso elaborado pola Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, no que se recolle información sobre as medidas de prevención fronte aos envorcos -accidente máis común tanto en estradas como nas leiras nas que se traballa- e outros consellos de seguridade viaria, entre outros.
Dende a Dirección Xeral de Tráfico lémbrase que é imprescindible cumprir as medidas de seguridade estipuladas para evitar accidentes ou minimizar os danos persoais e materiais cando estes se produzan. Usar os sistemas de seguridade que leve instalado o tractor: cinto de seguridade, estrutura homologada antienvorco. Extremar a precaución e a prudencia en camiños irregulares e en zonas de desnivel. Levar as luces do vehículo acendidas en caso de meteoroloxía adversa xa que tamén deben facerse visibles aos demais usuarios da vía. Instalar o sinal V-2, dispositivo luminoso, de cor amarela, que debe ser visible en todas as direccións, desde unha distancia de 100 metros. Indica a posición na vía e instalarase por encima das luces máis altas indicadoras de dirección. Estibar a carga correctamente: a carga non pode arrastrar, caer total ou parcialmente, ou desprazarse de maneira perigosa. Debe estar ben suxeita para evitar a súa caída ou desprazamento. Debe estar ben colocada e distribuída de forma que non desprace o centro de gravidade do vehículo nin debe producir ruído, po ou molestias que poidan ser evitadas.