A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá durante a primeira semana de xaneiro a exposición Os 9 anos de Fraguas en Lugo, que promoveron antigos alumnos do intelectual xunto co colectivo Egeria.
A mostra inaugurouse esta mañá coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, os promotores Xulio Xiz, Antonio Prado e Xulián Parga, e o sobriño do escritor Avelino Martínez. Tamén asistiron outras persoas que tiveron a Fraguas como profesor no antigo Instituto Masculino de Lugo.
Foi precisamente nese centro, o actual IES Lucus Augusti, onde comezou a andaina desta exposición nos prolegómenos do Día das Letras Galegas, que este ano se adicaba á figura de Antón Fraguas. Dende entón, percorreu 22 destinos da provincia de Lugo, Santiago de Compostela e Cotobade -o concello natal do escritor-.
O proxecto contou co apoio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística-. Ademais desta exposición itinerante, inclúe a publicación dun libro e unha web (www.fraguasenlugo.org) así como un folleto que recolle os contidos da mostra. Así mesmo, o pintor Manuel Romero confeccionou cinco cadros sobre as etapas vitais de Fraguas que foron entregados ao Instituto de Lugo, Concello de Cotobade, Instituto Rosalía de Castro de Santiago, Museo do Pobo Galego e Instituto Padre Sarmiento.
O acto de hoxe serviu para pechar en Lugo o ano de Antón Fraguas, pero tamén como homenaxe ao principal impulsor deste proxecto, Manuel Regueiro Tenreiro, falecido hai uns meses.