O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, avanzou este venres que a Xunta de Goberno acordou abrir a vindeira semana, unha vez que a convocatoria se publique no BOP, un novo prazo de solicitude do plan “O teu talento ten premio en Lugo” para financiar a matrícula integra no Campus de Lugo a outros 111 estudantes cos mellores expedientes de BAC, FP e grao, que se engaden aos 24 que polo de agora resultaron beneficiados, tal e como acordou hoxe a Xunta de Goberno.
Santos Ramos explicou que “unha das denuncias que fixemos durante a etapa de Candia foi a paralización de todos os proxectos que deixamos en marcha. E non mentiamos. Hoxe temos un novo exemplo. En maio, este Goberno Provincial aprobaba na Xunta de Goberno o plan “O teu talento ten premio en Lugo”. Trátase dunha das medidas do Plan de Choque coa USC mediante o cal a Deputación financia con 108.000 euros a matrícula íntegra dos 135 mellores expedientes de BAC, FP e grao do Campus de Lugo”.
“O teu talento ten premio en Lugo” inclúe dúas medidas: 1.- premios para os mellores expedientes de BAC e FP que queiran cursar a súa titulación de Grao no Campus de Lugo, sufragando o custe íntegro da súa matricula. A vindeira semana ofreceranse unhas 70 becas. 2.- premios para os mellores expedientes que se gradúen no Campus de Lugo, sufragando a matrícula íntegra dunha titulación de Máster na USC en Lugo. A vindeira semana ofreceranse unhas 35 becas.