A Deputación acolle un encontro de concellos galegos sobre as axudas do Estado en vivenda

O Presidente da Deputación de Lugo presidiu este martes no Pazo de San Marcos un encontro informativo para concellos de toda Galicia sobre o novo Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2022-2025 co Secretario Xeral de Axenda Urbana e Vivenda, David Lucas Parrón. Na xornada, que tivo lugar pola tarde no Salón de Actos, tamén participou o Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, e asistiron máis de 50 representantes locais e provinciais de toda a comunidade autónoma. O obxectivo da reunión foi explicar de primeira man as 13 liñas programáticas do Goberno central, dotadas con 1.443M€, para axudas directas das que se beneficiarán persoas vulnerables e con menos recursos.

Este encontro tamén puido seguirse vía streaming a través da canle de Youtube dos Servizos Audiovisuais da institución provincial.

O presidente salientou na súa intervención que “contar con programas de vivenda social é un dos trazos que definen aos Estados do Benestar. Medidas que complementen os mecanismos do mercado para asegurar a universalidade do acceso”. O Presidente engadiu que debido á “actual situación económica fai especialmente importante a acción neste terreo” e sinalou que no período entre o 2011 e o 2019, en Galicia se levantaron 3.023 vivendas protexidas, pero que xa antes do impacto da pandemia “os expertos consideraban que o mercado inmobiliario na nosa comunidade autónoma precisaría de a lo menos outras 5.000 para cubrir as necesidades sociais”.

Expuxo que este encontro “é un bo exemplo do traballo continuado do Goberno do noso país” e que este plan presentado polo Secretario Xeral de Axenda Urbana e Vivenda en Lugo “forma parte dese conxunto amplísimo de medidas e de plans de choque deseñados polo Executivo para loitar contra os efectos da pandemia e contra a actual crisis enerxética derivada da guerra”, engadindo que “o Goberno de España tivo que adoptar medidas excepcionais para facer fronte a situacións que hai tres anos parecíannos inimaxinables”.

“Sabémolo tamén nesta Deputación, na que tivemos que afrontar plans de resposta á Covid ou o Plan de Impulso da Economía da Provincia para axudar na reactivación dos sectores produtivos, sempre desde o diálogo cos axentes sociais e os concellos”, lembrou o Presidente, que destacou a importancia de que a xornada informativa fose dirixida ás administracións locais, que son “as que trasladan á realidade da rúa a inmensa maioría das accións que se publican no Boletín Oficial do Estado”.

Neste sentido, o Presidente destacou que a presenza do Secretario Xeral de Axenda Urbana e Vivenda neste encontro “é o mellor exemplo da aposta do Goberno de España pola cogobernanza, unha cogobernanza que non é outra cousa que aplicar o diálogo, a lealdade e o recoñecemento da esfera de competencias de cada nivel da Administración do Estado”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com