A Deputación de Lugo vén de alertar sobre un posible intento de fraude relacionado co servizo de Teleasistencia domiciliaria ás 24 horas que a propia institución provincial presta de maneira gratuíta na provincia.
E é que nas últimas horas o Goberno provincial tivo coñecemento de chamadas realizadas a persoas maiores en distintos concellos da provincia preguntando se dispoñen dun servizo de Teleasistencia e solicitando datos bancarios para o cobro de gastos ou cuotas.
A Deputación de Lugo quere aclarar que se trata dun intento de fraude e recalcar que o servizo de Teleasistencia que presta é completamente gratuíto para as persoas usuarias. Dende a institución pídese aos usuarios e usuarias da Teleasistencia ou calquera outra persoa que reciba unha chamada en relación con este servizo que non faciliten ningún tipo de información bancaria por teléfono e que, no caso de recibir este tipo de chamadas, dean aviso á central do servizo a través do botón vermello.