O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca presentou este xoves, a campaña Lugo, la provincia es tu camino na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra esta semana en Madrid. Tomé Roca puxo en valor a aposta da provincia polas iniciativas baseadas na experiencia, afastadas das masificacións, que están en marcha e que “se ven revalidadas pola pandemia da Covid-19”.
“Fitur simboliza o punto de partida da recuperación do turismo e, por suposto, con sentido común, coa máxima prudencia e tamén con responsabilidade”, apuntou Tomé.
“Levamos anos traballando nun modelo de turismo sustentable, de calidade e que funciona. É o momento de afianzar os nosos proxectos e seguir apostando por programas deseñados para apoiar e traballar da man do sector, favorecendo o desenvolvemento socioeconómica da provincia, que pon en valor o patrimonio e crea emprego”, insistiu o Presidente.
Tomé Roca explicou que a provincia de Lugo parte con vantaxe e con moitas oportunidades na nova realidade transformada pola pandemia. “A nosa sorte é a nosa esencia. E a Deputación de Lugo está a traballar para axudar a acelerar a recuperación do noso sector turístico con iniciativas que reforzan ese modelo”, subliñou.
O tema central do acto foi Camiño de Santiago. “O Ano Santo brinda tamén unha oportunidade importante para a recuperación do noso sector. A ruta Xacobea atrae un tipo de turismo respectuoso e acorde coa nosa liña de traballo. A nosa provincia é moi rica en rutas peregrinas e por iso subliñamos a importancia dos itinerarios que atravesan os nosos concellos”.
A Deputación de Lugo proxectou tres pezas audiovisuais que puxeron de relevo as oportunidades e fortalezas da provincia, remarcadas na marca En Lugo, si e tamén das experiencias que o Camiño achega a todas as persoas que escollen un ou outro percorrido, pasando por numerosos bens patrimoniais de gran relevancia cultural.