A Xunta de Goberno aprobou a asignación de 34 desempregados lucenses ás empresas beneficiarias do Ben Empregado II. Son 34 desempregados que agora obterán traballo en profesións como soldador; albanel; monitor educativo; camareiro; deseñador gráfico ou peón agrícola e gandeiro entre outros. Logo da aprobación deste bloque, correspondente á fase II do Ben Empregado II, xa son 82 os desempregados da provincia que teñen traballo grazas á Deputación.
A vindeira semana, a Xunta de Goberno da Deputación, aprobará ao redor de 150 perfís para que as empresas beneficiarias deste macroproxecto de fomento do emprego, poidan comezar co proceso de contratación canto antes. Cómpre destacar que o organismo provincial aprobou tamén a semana pasada abrir o prazo de solicitude para cubrir 70 postos de traballo do Ben Empregado I que quedaron vacantes. Os interesados deberán presentar as solicitudes dende o 9 ata o 19 de novembro.
Asemade a Xunta de Goberno aprobou devolver o proxecto de iluminación do Río Rato á Axencia da Enerxía, posto que “se atopaba incompleto”, tal e como informou o voceiro do goberno provincial, Álvaro Santos. Nesta liña, Santos explicou que “cando era Presidenta Elena Candia anunciou en Xunta de Goberno, o inicio de contratación do proxecto de iluminación do Río Rato, mais ao analizalo observamos que aínda non se atopaba completo como para proceder á contratación das obras, ao non contar nin cos permisos medioambientais pertinentes; nin cos da Confederación Hidrográfica”.
Santos Ramos explicou tamén que a Xunta de Goberno viña de aprobar a comparecencia da Deputación de Lugo no Contencioso Administrativo relativo ao procedemento: Dereitos Fundamentais núm. 314/2015-B, interposto por Elena Candia contra o acordo do 8 de outubro de 2015 pola Mesa de Idade. O Voceiro Socialista destacou que “esta é unha aprobación de trámite para que a Deputación de Lugo como administración implicada compareza no recurso á moción de censura”.