A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación das obras que completarán o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena. Con esta segunda fase das obras, que afectan ao tramo que vai da glorieta 25-N á de Benigno Rivera, a institución provincial dará continuidade ao proxecto xa acometido nunha primeira fase, no treito que discorre entre o enlace da Avenida Infanta Elena coa Ronda Norte e a glorieta 25 de Novembro.
A Deputación financia integramente as obras cun investimento de 1,5M€, ademais de redactar o proxecto técnico e encargarse da contratación e da execución dos traballos. Pola súa banda, o Concello promove a obra e aportará os terreos para acometer a actuación.
A segunda fase das obras para o desdobramento e humanización da Avendida Infanta Elena terán un prazo de execución de 12 meses, unha vez iniciadas. Entre a glorieta 25-N e a da Garaballa, a marxe dereita da calzada pasará de dous carrís de circulación a tres, cun ancho total de 10,25 metros. Polo que respecta á marxe esquerda, manterase a distribución de tres carrís existente, cunhas beirarrúas de 2,25 metros de ancho e un carril bici que dará continuidade ao do tramo anterior. O proxecto contempla tamén a humanización da mediana central, que xa conta con céspede natural, na que se plantarán árbores e especies arbustivas. O treito da glorieta da Garaballa á de Benigno Rivera contará con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. Ademais, a marxe dereita dotarase dun carril bici cun ancho de 3 metros, e no caso das beirarrúas terán 4,05 metros de ancho a ambos lados, con árbores, iluminación, bancos e papeleiras.
Estes traballos tamén inclúen a renovación dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables. Esta proxecto vertebra todas as súas accións tendo en conta o Plan de Mobilidade e Espazo Público de Lugo.